As melloras nas rúas de Ribeira estarán rematadas antes de finais de ano

    torresobras_100_081106.jpgRIBEIRATorres Colomer, visitou as obras de mellora en varias rúas do casco urbano.

    De primeira man puido comproba-la marcha dos traballos que están a ser realizados pola empresa Seixo nas rúas do Sal, Ceuta ou Méndez Núñez. O rexedor ribeirés aproveitou tamén a visita para achegarse ata a denominada casa de Dona Adela onde se prevé instalar un museo municipal.O percorrido do alcalde ribeirés polas distintas obras iniciouse na zona das rúas do Sal e Ceuta. Alí o executivo está a levar a cabo a pavimentación da rúa e a renovación das redes de saneamento e de pluviais coa construción dos respectivos pozos de rexistro, sumidoiros e arquetas para válvulas. Con esta a actuación resolveranse os problemas xurdidos a causa das avarías na rede de subministro de auga, procedéndose á renovación das tubaxes e acometidas a vivendas. O proxecto tamén contempla un sistema separativo de pluviais e fecais para que non se produzan problemas na rede de saneamento nin vertidos. Estas obras inclúense no proxecto de pavimentación da Rúa General Espartero e adxacentes, que ten un orzamento previsto de máis de cento quince mil euros. Tamén visitou as obras noutra rúa próxima, a Méndez Núñez que conta cun presuposto de 90 mil euros para a reposición de pavimento e canalizacións.Con estas obras o excutivo continúa co seu plan de mellora do casco urbano de Ribeira, dotando de mellores servizos ás principais arterias da cidade.

    Futuro Museo

    O alcalde visitou tamén as obras que se están a levar a cabo na casa de Dona Adela para a súa conversión nun museo. Segundo informou o alcalde tanto a primeira como a segunda planta e a parte central do faiado albergarán as salas de exposicións. O edificio, que poderáestar operativo no ano 2007, será empregado para acoller diversos fondos que xa son propiedade do concello así como futuras cesións por parte doutros organismos e particulares. Entre as propiedades municipais atópase unha colección de restos arqueolóxicos cedidos polo escritor Carlos García Bayón, as bonecas elaboradas pola presidenta da Asociación de Amas de Casa, Magdalena Bringas así como diversos obxectos relacionados co mar, a imprenta ou a industria conserveira. A rehabilitación do edificio suporá un investimento de preto de medio millón de euros que xa está contemplado nos vindeiros orzamentos.

    Redacción Barbanza