Aguiño e Ribeira paralizan o plan da navalla ata acordar os límites do Carreiro

    RIBEIRA> As confrarías de Aguiño e Ribeira tentarán achegar posturas sobre a polémica franxa do banco do Carreiro, cuxa titularidade enfronta ós dous pósitos. Polo momento, a Consellería do Mar decretou a paralización temporal do plan de explotación da navalla á espera dun acordo que permita retomar a actividade con normalidade. O encontro coa Conselleira do Mar serviu para que as confrarías de Aguiño e Ribeira achegasen posturas. Á espera de atopar unha solución sobre os lindes do banco do Carreiros, ámbolos dous pósitos decidiron paralizar temporalmente o plan conxunto da navalla. Mentres tanto, agardan que a administración tome cartas no asunto para delimitar finalmente a titularidade desta banco que en Aguiño reclaman para si posto que leva formando parte das súas concesións dende hai máis de catro décadas. Aínda que existe vontade de diálogo por parte das dúas confrarías, o entendemento non semella doado. Dende Aguiño teñen claro que non pensan renunciar a un banco que, consideran máis que gañado por criterios históricos. Pola súa banda, Ribeira está á espera de consultar a súa postura cos asociados que, polo momento, non se pronunciaron ó respecto. As augas están tranquilas polo momento xa que, á marxe da paralización do plan conxunto, a zona permanece pechada a causa da presenza de toxina. Sen embargo, esta tensa calma pode desencadear en calquera momento nunha tempestade como a vivida o pasado xoves cando os mariñeiros de Aguiño expulsaron ós ribeirenses da zona impedíndolles faenar.