O executivo ribeirense creará dúas novas zonas de aparcamento na cidade

    RIBEIRA> O Concello deu luz verde na última xunta de goberno local á creación de dúas novas zonas de aparcamento de superficie no casco urbano da cidade. Trátase de dúas actuacións que foron recomendadas polo Plan de Mobilidade Urbana Sostible e que se vai materializar no alugueiro de dúas parcelas, unha delas, de 3.045 metros cadrados de superficie, na rúa Cristóbal Colón, a carón do cemiterio municipal, e outra, de 5.416 metros, entre o barrio de Abesadas e Cubeliños. Con esta iniciativa propiciarase a creación dunhas 400 novas prazas de estacionamento: número semellante ó existente no recheo portuario xunto ó Malecón. En canto sexan formalizados por escrito os contratos do aluguer, o Concello procederá a acondicionar as dúas fincas con zarzo e aglomerado asfáltico, e acometerase o seu pintado e sinalización para poñelas de inmediato a disposición de veciños e visitantes.