O paseo marítimo de Esteiro estará rematado a mediados de mes

MUROS> As obras do paseo marítimo de Esteiro poderían estar finalizadas a mediados de mes. Esta semana iniciáronse os traballos de colocación do pavimento definitivo. Finalmente, actuarase nunha zona superior á proxectada. Durante o transcurso das obras procedeuse á retirada dunha estrutura metálica. No seu lugar, habilitarase unha zona verde e un espazo pavimentado con formigón impreso para humanizar este treito que inicialmente non se contemplaba no proxecto. Tamén foi preciso retirar algunhas árbores ante o risco de desprendemento posto que presentaban raíces moi superficias, máis aínda co cambio do pavimento. A intención do concello é replantar diversas especies ó longo de todo o paseo. A previsión é que os traballos estean rematados a mediados deste mes de xuño de xeito que o paseo estará en servizo para a tempada de verán.