O peche do xurelo deixa ó cerco galego sen apenas posibilidades de pesca

    BARBANZA> O peche da pesquería de xurelo da novena A deixa ó cerco galego sen apenas recursos para o que queda de ano. O esgotamento da cota desta especie unido á do bocarte, reduce as posibilidades de pesca á xarda e á sardiña. O Ministerio de Agricultura decretou a prohibición de pescar xurelo dende Fisterra cara ó sur despois de terse esgotado a cota asignada para este ano e o adianto do dez por cento correspondente ó 2016. Así as cousas, a flota galega non pode pescar xurelo nin bocarte. A sardiña, cun tope de seis mil quilos semanais por embarcación, e as escasas capturas de xarda son as únicas posibilidades de pesca dun sector que será incapaz de manter a actividade ata finais de ano. Segundo ACERGA esta situación volve poñer de manifesto o mal reparto das cotas entre comunidades que discrimina a Galicia fronte a outras flotas. Tralas protestas desenvolvidas polo reparto da anchoa, a asociación non descarta iniciar novas mobilizacións. A decisión tomarana o próximo sábado en asemblea.