A candidatura do BNG boirense presenta unha fonda renovación

    BOIRO> Esta pasada fin de semana tiña lugar a presentación da candidatura, nun acto que se desenvolveu na casa de cultura da Cachada e que contou coa presenza do portavoz nacional, Xavier Vence. Arroupados por numerosos militantes e simpatizantes, o BNG de Boiro deu a coñecer o pasado sábado o nome das persoas que acompañarán a Raquel Suárez na lista coa que a formación frentista tratará de recuperar a alcaldía boirense. Sen dúbida chama a atención a profunda renovación, con moitas caras novas, algunha delas necesarias, tralo anuncio de retirada de Xosé Deira, e outras, provocadas, a consecuencia da marcha de varios edís a outras formacións como é o caso de Dores Torrado, Xoán León e Xosé Ríos. Destaca fundamentalmente a presenza de Carlos Ansoar e Santos Saborido como número dous e tres respectivamente, converténdose nos homes fortes da candidatura, seguidos de Patricia Silva e Guillerme Caxaraville. Precisamente este feito foi destacado pola candidata durante a súa intervención, xa que a confección da lista foi froito dun proceso de apertura do partido, xurdido a raíz da celebración de numerosas asembleas abertas. Entre as súas aspiracións, figura o poder facerse de novo coa alcaldía. No acto de presentación da candidatura tamén tomou parte o portavoz nacional, Xavier Vence, quen aludiu á importancia destas eleccións municipais para o país. Segundo el o BNG é a mellor alternativa. A lista, a xeito simbólico, aparece pechada por Xosé Deira, verdadeiro valedor da formación nestes últimos anos, e alcalde do concello durante un período de oito anos, de 2003-2011.