BARBANZA> A Consellería de Traballo concedeu dous obradoiros de emprego ás comarcas do Barbanza e Muros Noia. En total destinaranse máis de trescentos cincuenta mil euros para a segunda fase do ‘Tahume’ desenvolvido polos concellos de Ribeira e Porto do Son e a posta en marcha do taller ‘Outes Rural’. Na súa aposta pola formación e a promoción do emprego, a Consellería de Traballo volverá financiar dous obradoiros de emprego no Barbanza. O primeiro deles, promovido conxuntamente entre os concellos de Porto do Son e Ribeira, supón a segunda fase do programa Tahume que vén de concluír hai unhas semanas con gran éxito nas taxas de incorporación laboral. A outra das iniciativas leva por título ‘Outes Rural’ e buscará a formación de dezanove alumnos desempregados que obterán un certificado de profesionalidade ó remate do obradoiro. o importe total que destinará a Consellería a estas dúas iniciativas, das que se beneficiarán corenta alumnos, supera os trescentos cincuenta e cinco mil euros. Este investimento inclúese nos 3’26 millóns de euros que a Xunta de Galicia destinará a dezaoito obradoiros na provincia da Coruña dos que se beneficiarán trescentos sesenta e sete alumnos. En toda a comunidade autónoma desenvolveranse medio cento de iniciativas que superarán os dez millóns de investimento. Ademais este ano, convocarase por primeira vez un programa específico dirixido a menores de vinte e cinco anos con setenta obradoiros ó longo de todo o ano.
Inicio Barbanza - Muros - Noia










