Semana Santa ‘excelente’ con hoteis ó 80% e restaurantes completos

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/04abril/06/balanceocupacionsemanasanta15.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/04abril/06/BALANCE_OCUPACION_SEMANA_SANTA.mp4{/flowplayer} As expectativas eran altas, e cumpríronse. Hostaleiros e hoteleiros das Rías Baixas acaban de pechar a mellor Semana Santa dos últimos anos. O clima, sen dúbida, axudou a encher os hoteis ata o 80 por cento e deixar restaurantes sen mesas libres ou terrazas completas. O perfil dos visitantes, españois, na súa meirande parte chegados do País Vasco, Madrid e Castela; pero tamén moitos galegos que se achegaron a gozar das praias. O bo clima foi decisivo para que o sector hostaleiro e hoteleiro fixera a principios de abril o seu particular ‘agosto’. Restaurantes e terrazas cheas e hoteis cunha ocupación media do oitenta por cento pecharon unha das mellores Semanas Santas dos últimos anos desde o punto de vista turístico. A maior parte dos visitantes que se achegaron ás Rías Baixas viñeron desde o centro e norte de España. O turista nacional aumentou de xeito significativo esta Semana Santa, con estancias medias de catro a cinco días. En canto ó aloxamento, optaron por hoteis ou aluguer de apartamentos. Os campamentos, aínda que non están en época alta, tamén lograron bos resultados. Son moitos os hoteis de municipios costeiros como O Grove ou Sanxenxo que agardan a Semana Santa para abrir a tempada, e aínda que algúns volverán a pechar ata a chegada do verán, o tirón destas primeiras vacacións fará que outros se manteñan abertos xa ata outubro.