O alcalde de Caldas non dimite e confía en presentarse baixo as siglas do PSOE

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/04abril/06/alcalde_caldas_xuizo_malversacion.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/04abril/06/alcalde_caldas_xuizo_malversacion.mp4{/flowplayer} 

    CALDAS> O alcalde de Caldas non dimite. Juan Manuel Rey compareceu esta mañá rodeado dos seus concelleiros para insistir na súa inocencia, e manter a decisión de non deixar o seu cargo a pesares da apertura de xuízo oral contra el por parte do xulgado. A pesares do código ético do PSOE, o rexedor agarda presentarse ás eleccións do mes de maio baixo as siglas socialistas. Se non, advirte, recorrerá a unha candidatura propia.

    O alcalde de Caldas presentará un recurso contra a apertura de xuízo oral anunciado a semana pasada polo xulgado. Juan Manuel Rey solicitará a nulidade das actuacións xa que insiste na súa inocencia. O socialista foi acusado de malversación de fondos por aboar con cartos públicos dúas multas coercitivas por negarse a acatar unha orde de derrube en relación a unha vivenda construída no ano 2000. O inmoble contaba cos informes técnicos favorables e coa licenza concedida polo anterior alcalde.

    Rey ten a esperanza de que o recurso paralice a vista, e que lle permita concorrer ás eleccións do 24 de maio baixo as siglas do PSOE. De aplicarse o código ético da formación, o rexedor tería que deixar as filas socialistas.

    Esta noite o alcalde tiña previsto un encontro cos militantes socialistas de Caldas, ao que tamén asiste a número dous do PSdeG, Pilar Cancela. Rey non adiantou a proposta que leva a esta asemblea, pero amosouse convencido do apoio da militancia.

    O alcalde caldense anunciou tamén que mentres dure o caso realizará todos os venres traballos para o concello.

    Ademais destas medidas, Rey entregará persoalmente unha carta aos veciños explicando a súa situación, colgará a documentación do caso na web do concello e deixará unha copia do expediente na biblioteca municipal.