A marea vermella continúa o seu avance pola Ría de Arousa

    SALNÉS/BARBANZA> A marea vermella avanza pola Ría de Arousa. Este mediodía, o Intecmar decretou o peche da zona I, prohibindo a extracción de moluscos como ameixa, berberecho ou navalla. Xa onte, a presenza de toxina amnésica obrigaba ao peche cautelar dos catro polígonos mexilloeiros de Meloxo, en O Grove. A outra toxina que ameaza a costa galega, a lipofílica, aínda non se detectou na ría arousá.

    Os cambios no tempo previstos para esta fin de semana, poden xogar a favor do sector marisqueiro para impedir o avance da toxina amnésica pola Ría de Arousa.

    A amnésica apareceu con forza na costa galega. Nas Rías Baixas está prohibida a extracción nas rías de Vigo, Pontevedra e Muros-Noia, en todas as zonas de produción de mexillón de batea e moluscos infaunais: ameixa, berberecho e navalla. Onte chegou á Ría de Arousa.

    Entre hoxe e mañá veremos se se da o punto de inflexión, debilitándose o episodio e mellorando os índices. Ante esta ameaza, o Intecmar realiza controis continuos.

    Controis rigorosos e frecuentes que garanten que o produto que chega aos mercados está en perfecto estado.

    A amnésica non é a única toxina que ameaza a costa galega. Un episodio longo de lipofílica xa obrigou a pechar no sur de Galicia as rías de Pontevedra e Vigo. Ata o de agora, a de Arousa está libre de risco.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/04abril/09/avance_toxina.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/04abril/09/avance_toxina.mp4{/flowplayer}