Esta semana a Audiencia desvelará se arquiva o caso de Sonia Iglesias

Esta semana coñecerase se o caso da desaparición de Sonia Iglesias se arquiva definitivamente ou se continúa coa súa investigación. A sección cuarta da Audiencia de Pontevedra reuniuse esta mañá para deliberar sobre os recursos de apelación que presentaron a familia da pontevedresa e a fiscalía contra ese arquivo da causa. A presidenta do tribunal, a maxistrada María Nélidad Cid, confirmou hoxe que antes do venres darán a coñecer a decisión. A urxencia do trámite débese a que o poñente da sección, o maxistrado José Ramón Sánchez Herrero, deixará a súa praza, co que a resolución ten que producirse antes dese traslado. A acusación particular, exercida polos pais e irmáns de Sonia Iglesias, solicita a apertura de xuízo oral por entender que hai probras suficientes contra o único imputado ata o momento, a parella sentimental da moza e pai do seu fillo, Julio Araújo. O Ministerio Público pide pola súa banda que se someta a Araújo ó test da verdade. Tanto os xulgados de instrución número tres de Pontevedra como o especializado en violencia de xénero xa rebateron estas pretensións. O próximo 18 de agosto cumpriranse cinco anos da desaparición de Sonia Iglesias.