Pontenbici arranca con propostas familiares e para ciclistas avezados

Este domingo arranca o groso da programación de Pontenbici 2015. O programa de roteiros en bicicleta por Pontevedra e arredores constará este ano de dúas modalidades, a xa tradicional Natureza sobre rodas, dirixida a un público familiar, e o Ponte en Ruta: tres percorridos deseñados para aqueles que están adestrados e afeitos a coller a bici tódalas semanas. Fomentar o deporte, a práctica da bicicleta e descubrir a riqueza natural e patrimonial de Pontevedra e arredores. É a esencia de Pontenbici, un programa que este domingo se inaugura cun pequeno percorrido urbano entre a praza do concello e Praceres. Con esta ruta abre ‘Natureza sobre Rodas’, unha das modalidades que compón o programa Pontenbici 2015. Está pensado para un público familiar. Pais que acoden cos seus cativos para dar un agradable paseo pola natureza da contorna. Iso si, só poderán participar nenos de sete anos en diante. A segunda proposta de natureza sobre rodas será o dez de maio, unha pedalada polas ribeiras do río Lérez con subida ó Mosteiro de San Benito. Para aqueles que estean acostumados a coller tódalas semanas a bicicleta e percorrer longos treitos, a organización deseñou un programa específico: o Ponterutas. Tres roteiros nos que poderán participar só maiores de 16 anos, xa que requiren maior forma física. O primeiro será o 26 de abril. 22 quilómetros entre o Río Gafos e Vilaboa. A segunda incluirá a visita ás fervenzas da Barosa ó longo do camiño de Santiago. Algo máis esixente que a primeira, será tamén a máis longa. A última, o 17 de maio. Será o treito máis curto, 17 quilómetros, pero de maior dureza. Percorrerá os Pretroglifos da Caeira e Muíños da Seca. Desde a organización lembran ós participantes que é obrigado o uso de casco, e recomendan vestir prendas con algún elemento reflectante para favorecer a súa visibilidade. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/04abril/14/pontenbici.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/04abril/14/PONTERUTAS.mp4{/flowplayer}