PONTEVEDRA> Hoxe, 12 de maio, é o Día Internacional da Enfermaría. Unha efeméride que estes profesionais aproveitaron para saír á rúa e poñer o foco sobre a súa precariedade laboral. Medio cento de enfemeiras concentráronse esta mañá ás portas do Hospital Provincial. Reclaman que se contraten máis profesionais para reducir a ratio de pacientes e que se melloren as súas condicións de contratación.
Son poucas para o volume de traballo que afrontan e a diario sofren a presión dunhas condicións laborais máis ben precarias. Esta é a situación na que está o persoal de enfermaría en Galicia. Hoxe, Día Internacional da Enfermaría, saíron á rúa.
Ao redor de medio cento destes profesionais concentráronse ás portas do Hospital Provincial para facer oír as súas reclamacións. Piden, entre outras cuestións, unha xubilación anticipada aos 60 anos sen diminución económica. Tamén que se lles teña en conta a súa categoría de universitarias.
Pero o que máis preocupa ao colectivo é a falta de persoal. Dende Satse denuncian que en Atención Primaria o número de pacientes por enfermeira pode acadar os 2.100. En Urxencias poden darse picos de ata 210 pacientes en 24 horas.
Segundo a Organización Mundial da Saúde, o recomendado é que cada profesional de enfermaría atenda un máximo de oito pacientes. Na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, a media é de 12 nunha queda normal, chegando aos 32.
Na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés traballan actualmente ao redor dun milleiro de profesionais de Enfermaría. 225 en Atención Primaria, 800 entre o Hospital Montecelo e o Provincial e 120 no do Salnés.