O BNG de Boiro inicia unha campaña contra a ‘privatización’ dos rexistros civís

    BOIRO> O BNG vén de iniciar unha campaña de recollida de sinaturas en contra da privatización dos Rexistros Civís, pedindo que se manteña tamén o existente no concello, de maneira pública e gratuíta como ata o de agora. Segundo os nacionalistas, o Partido Popular pretende que a xestión dos Rexistros Civís pase ós Rexistros Mercantís, a partir do próximo 15 de xullo, o que na práctica suporía a privatización do servizo, polo que os trámites a realizar ante dito organismo pasarían a custar entre os 20 e os 400 euros. Polo de agora levan recollidas unhas cincocentas sinaturas en contra desta medida. A súa intención pasa porque a campaña teña continuidade nos vindeiros días por diferentes zonas do concello, coa finalidade tamén, de informar á cidadanía das consecuencias que suporá esta privatización.