O concello ribeirense reforzará a plantilla da Policía Local con dez novos auxiliares

    RIBEIRA> O executivo ribeirense deu inicio ó proceso de contratación temporal de tres técnicos para a atención nas oficinas municipais de información turística e tamén de dez auxiliares da Policía Local. Tal e como se recolle no Boletín da Provincia de hoxe, o prazo para a presentación de solicitudes é de dez días naturais a partir da publicación oficial. Os interesados poden descargar xa o modelo de instancia na páxina web municipal: www.riveira.es ou riveira.gal, e unha vez cumprimentado poderán presentalo no Rexistro Xeral do Concello. No caso dos técnicos para as oficinas turísticas, o proceso de selección será de oposición libre e prestarán o servizo do 15 de xuño ó 14 de setembro, ambos inclusive, de xeito coincidente coa tempada estival. Polo que se refire ós auxiliares da Policía Local, o proceso tamén será de oposición libre, e a duración do contrato será de catro meses.