Teatro e inclusión mestúranse este venres na estrea de ‘Escenas de Familia’

    RIANXO> Rianxo acollerá este venres a estrea de ‘Escenas de Familia’, unha obra que constitúe o resultado final do obradoiro de expresión teatral desenvolvido no municipio durante os últimos meses. Usuarios da aula ocupacional municipal e persoas sen discapacidade comparten espazo neste proxecto inclusivo que ten a arte como motor principal. Así de entregados vivían o ensaio xeral os actores que este venres estrearán ‘Escenas de Familia’. A obra é o resultado final do obradoiro de expresión teatral dirixido por Esther Carrodeguas no que participaron non só os alumnos da aula ocupacional de Rianxo senón tamén persoas sen discapacidade co obxectivo de facer un proxecto máis aberto e inclusivo. A experiencia, segundo os participantes, non puido ser máis positiva. Algúns xa teñen bagaxe como actores mentres que para outros será a primeira vez sobre as táboas. Sen embargo, os nervios e a ilusión son exactamente os mesmos para uns e outros. O desenvolvemento do obradoiro e desta representación final é posible grazas á doazón da oficina local de La Caixa de Rianxo. Os espectadores que se acheguen este venres a partir das oito e media ó auditorio municipal poderán desfrutar tamén da exposición paralela ‘Sorrisos Colgados’ que inmortaliza os mellores momentos vividos durante os ensaios. Momentos de risas, ilusión e compañeirismo que, sen dúbida, volverán estar presentes no escenario.