Marisol Villar encabezará novamente a candidatura de NO.I.A.

    NOIA> Noieses Independentes Agrupados preséntase a estes vindeiros comicios municipais como a única alternativa seria ó bipartidismo. Cun cheo absoluto no acto de presentación da candidatura celebrado na noite de onte no coliseo Noela, Noieses Independentes Agrupados preséntanse a estas eleccións municipais con gran humildade, pero sabedores de que contan co respaldo de numerosos veciños, que ven na súa formación unha alternativa seria ó bipartidismo. O seu principal aval, o traballo desenvolvido durante estes catro anos no goberno municipal nas áreas nas que tiveron competencias, tanto a candidata, Marisol Villar, como a edil, Mónica González Eiras, tratando de realizar unha boa xestión dos recursos públicos, en base á credibilidade e non a vender fume. Pola súa banda a candidata Marisol Villar fixo referencia na súa intervención a que os únicos intereses da súa formación son as necesidades dos veciños de Noia. A lista presentada polo NO.I.A. presenta unha ampla diversidade, con persoas pertencentes a distintos sectores da sociedade, coa presenza de mariscadoras, hostaleiros, mestres ou xubilados. Unha candidatura na que moita xente pode verse identificada. Como nomes fortes desa lista aparecen José Pérez e Luís Jiménez Bonilla, números dous e tres respectivamente. Nos postos catro e cinco irán Óscar Gómez e María Camelia Fernández. De número seis Isaac López, mentres que María Dolores Piñeiro, Alfredo Blanco, María del Carmen Pérez e María del Carmen Morán completan os dez primeiros postos da candidatura. A actual edil Mónica González tamén irá nas listas, aínda que non en postos de saída.