A Confraría denuncia ó concello boirés pola retirada de area dun banco natural

    BOIRO > A Confraría de Cabo de Cruz vén de interpoñer unha denuncia ó concello boirés por autoriza-la extracción de area nunha zona de marisqueo na praia de Barraña. Mentres o patrón maior sostén que se estaban a realizar intervencións daniñas para o banco natural, o tripartito alega que soamente se procedeu ás tarefas habituais de limpeza e saneamento.

    breiro_300_080606.jpgOs feitos aconteceron o pasado sábado, cando o patrón maior de Cabo de Cruz, Carmelo Vidal, presenciou como un camión e unha pala estaban a sacar area dun banco natural de Barraña que posteriormente era vertida na desembocadura do Río Breiro. Ante este suceso, deu aviso á Garda Civil que ordenou paralizar os traballos posto que o concello non contaba co permiso da Demarcación de Costas nin do propio pósito.

    A indignación entre os membros da confraría é evidente posto que non entenden que o goberno local autorice este tipod e actuacións que provocan un dano moi importante ó sector marisqueiro.

    A explicación do concello é que estas máquinas soamente estaban a realizar labores de limpeza e mantemento sen entrar nos bancos marisqueiros. Lonxe de entrar en polémica, o tenente de alcalde, Xoán Xesús Ares, pediu desculpas ó pósito polos posibles danos ocasionados aínda que asegura que non se tocou a zona onde está o marisco.

    Redacción Barbanza