O PP de Rianxo aspira a relevar ó bipartito no goberno para dinamizar o concello

    RIANXO> O Partido Popular celebrou esta pasada fin de semana a presentación das súas candidaturas en Ribeira e Rianxo. Manuel Ruíz repetirá como alcaldable na capital da comarca co reto de manter a maioría absoluta. No caso de Rianxo, a cabeza de lista volverá a ser Vanessa Martínez. Coa presenza de destacados membros do Partido Popular, entre eles o propio presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, a candidata desta formación política á alcaldía de Rianxo para as vindeiras eleccións municipais, Vanessa Martínez, presentou a súa candidatura. Segundo ela trátase dun equipo preparado para gobernar e disposto a poñer fin a unha etapa de catro anos perdidos polo pésimo labor do bipartito. Na súa intervención aludiu tamén á súa intención de aprobar un plan estratéxico para a dinamización económica e o emprego, mediante a colaboración de tódolos sectores sociais e económicos. Pola súa banda o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, destacou o equipo liderado por Vanessa Martínez, o mellor preparado para asumir as responsabilidades de goberno nun concello á deriva. Fixo a alusión tamén ó acontecido hai catro anos, nas últimas municipais en Rianxo, cando un pacto entre dúas forzas perdedoras nas urnas, BNG e PSOE, impedíronlle ós populares poder acceder á alcaldía. Como número dous do PP en Rianxo irá José Norberto Uzal. De tres José Ricardo Besada, de número catro Elisa Bouzas e de número cinco María Jesús Galbán. No posto seis Celsa María Miguéns, de sete, Adela Becerra, mentres que Adrián Vidal, Tino Rodríguez e Zoraida Cebreiro completan, por esta orde, os dez primeiros postos da candidatura. Tamén esta pasada fin de semana se presentaba a candidatura dos populares en Ribeira. A formación que estará de novo encabezada polo actual alcalde, Manuel Ruíz, facía a súa posta de longo nun acto multitudinario celebrado no auditorio municipal, contando coa presenza da conselleira de Traballo, Beatriz Mato. O PP ribeirense ten como reto mellorar os resultados acadados polo partido hai catro anos, e con el a maioría absoluta. Na candidatura de Ruíz Rivas apenas cambios con respecto á lista que levou no 2011. Hai dúas ausencias notables nos postos de saída, Juan Luís Martínez e Vicente Mariño, que por distintos motivos non aparecen agora nas listas. A única nova incorporación é a de Fabiola García que ocupa o posto número dous. O resto dos integrantes son ou foron en anteriores etapas membros da corporación. É o caso de Lola Elorduy, actual tenente de alcalde, e que vai no posto tres. Emilio Pérez irá de catro, maría Esther Patiño de número cinco e herminis Pouso, actual deputada no Parlamento Galego que vai de seis. Aroa Fernández, Víctor Reiriz, Elvira Pereira e Anxo Orellán completan os dez primeiros postos da candidatura. Pechando a lista Mari Carmen Vizcaya no posto vinte e José Luís Torres Colomer, actual senador e ex-alcalde ribeirense, que irá de vinte e un.