O Paquito II non tiña autorización para trasladar mexillón a outra ría

    BOIRO> O naufraxio do barco bateeiro Paquito Número 2, acontecido o pasado dezaséis de decembro fronte á costa de Corrubedo, centrou parte do debate da Comisión de Pesca no parlamento. A secretaria técnica da Consellería do Mar, María Isabel Concheiro, respondeu ás preguntas formuladas polo BNG sobre o accidente no que faleceron os tres tripulantes; dous deles aínda desaparecidos. A responsable autonómica aclarou que as competencias de Salvamento Marítimo son do estado polo que tan só facilitou os datos derivados da cooperación do servizo de Gardacostas de Galicia co rescate. Segundo relatou na súa comparecencia, o Paquito non emitiu ningún sinal de socorro senón que foi un dos compañeiros, encargado de recoller á tripulación no porto de Muros, quen deu aviso dende terra. María Isabel Concheiro indicou ademais que a embarcación, con base en Cabo de Cruz, non contaba con autorización para trasladar mexillón dende Arousa a outra ría. Ante estas explicacións, o deputado nacionalista Daniel Rodas acusa á Xunta de mirar para outro lado e non asumir ningunha responsabilidade alegando que as competencias son de Fomento.