Os concellos aprazan os actos de entroido polo mal tempo

    BARBANZA> O mal tempo está a obrigar á maioría dos concellos das comarcas do Barbanza e Muros-Noia a variar a súa programación de entroido para estes días. Na maioría dos casos optaron polo aprazamento para a fin de semana na que se agarda xa unha melloría. Así en Ribeira decidiuse suspender os parques inchables que estaban inicialmente programados para hoxe, que serán instalados o mércores na rúa de Galicia, á altura do Centro Cultural Lustres Rivas, e o sábado, nesta mesma rúa, á altura do Museo Municipal. O resto da programación de Entroido mantense conforme ó previsto. O festival de murgas de mañá será na carpa instalada no Malecón e o desfile, en caso de chuvia, suspenderase. En Boiro as actividades de mañá serán aprazadas, así que o desfile e o concurso de disfraces e carrozas desenvolverase o domingo a partir das cinco e media da tarden a praza do concello. Na Pobra tamén optaron por suspender o desfile de mañá, aprazándoo para o venres, con saída ás cinco e media da tarde dende a Covecha. En Rianxo si se manterán, pero en caso de chuvia, as actividades trasladaranse á carpa e ó pavillón municipal, do mesmo xeito que en Noia e Porto do Son.