NOIA> Deporte e solidariedade volverán a ir da man este domingo en Noia cunha nova edición da carreira San Silvestre organizada pola concellería de Deportes e o Club Atletismo de Noia.
A proba, que terá lugar a partir das cinco da tarde, non terá un carácter competitivo, cun percorrido de tres quilómetros e cun nivel de dificultade baixo, para potenciar así unha alta participación.
A carreira terá como é costume un fin solidario e os participantes poderán entregar produtos de alimentación básica e doces típicos destas datas que lle serán entregados a Cáritas para o seu reparto entre as familias máis desfavorecidas do Concello.
Dende a organización quixeron agradecer tamén a colaboración de Protección Civil e Policía Local, así como tamén da Cruz Vermella.






