Máis de cen mil euros para a mellora do Cernadas de Castro

LOUSAME> A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, visitou esta mañá o CPI Plurilingüe Cernadas de Castro para comprobar a marcha das obras que se están a levar a cabo antes do inicio do vindeiro curso escolar: O Concello está a investir nelas máis de cen mil euros.A falta apenas de dúas semanas para o inicio do curso escolar, o Concello está a axilizar diversos obras de mellora no colexio Cernadas de Castro. A alcaldesa, Teresa Villaverde, xunto á propia directora do centro, Pilar Cobas, e representantes da xunta directiva da ANPA supervisaron as últimas obras que se están a levar a cabo, nas que o concello está a investir máis de cen mil euros. Algunhas delas de obras de envergadura, como é o caso da  construción da aula de usos múltiples, sobre a antiga casa do conserxe, así como o cambio da cuberta do polideportivo, e outras, pola contra, son de menor tamaño, como é o caso da ampliación da biblioteca ou a mellora da zona de comedor, nas que tamén conta coa colaboración da ANPA.

A rexedora quixo agradecer tamén a colaboración ofrecida tanto polo centro escolar, como polos pais e pola consellería de Educación, que, segundo ela,  leva anos implicándose na mellora deste colexio, poñendo como exemplo a substitución da cuberta e a construción dun patio cuberto levada a cabo hai varios anos.