Boiro promove o voluntariado entre a mocidade

    BOIRO> O pavillón da Cachada de Boiro acolleu unha xornada sobre voluntariado. Os mozos da vila tiveron ocasión de coñecer o labor de diferentes entidades que dedican o seu tempo a colaborar coa sociedade. O proxecto ‘Tic Tac town’, do que forma parte o concello de Boiro xunto a outros concellos galegos, enmárcase nun programa europeo promovido pola Deputación da Coruña que ten por obxectivo promover o voluntariado entre a mocidade. A través de xornadas lúdicas, como a desenvolvida en Boiro, dáse a coñecer o labor de diferentes asociacións como Cruz Vermella, Cáritas, Protección Civil, Solidariedade Galega co Pobo Saharaui e todo tipo de entidades que invisten o seu tempo en axudar ós demais. Precisamente, a súa contribución á sociedade foi o que máis destacou o alcalde de Boiro na súa visita ó pavillón da Cachada, na que animou ós rapaces a facerse voluntarios. Ademais de coñecer as actividades que levan a cabo cada unha das asociacións, da man dos seus voluntarios, os mozos desfrutaron de diversos espectáculos musicais, de malabares e obradoiros creativos.