Mar propón a implantación progresiva da eliminación dos descartes

    BARBANZA> A Conselleira do Mar defendeu a implantación paulatina da política de eliminación de descartes para evitar a creba de certos segmentos da flota galega. Rosa Quintana realizou estas declaracións na apertura do foro celebrado en Marín para abordar, precisamente, a aplicación práctica desta medida imposta pola Unión Europea. Malia destacar a vontade positiva da norma, a titular de Mar entende que presenta numerosas dificultades para a súa posta en práctica, condicionada pola falla de mecanismos de control e a escasa documentación que avale a situación real das especies devoltas ó mar. Destacou ademais a contradición entre a prohibición dos descartes e o reparto de cotas segundo criterios de estabilidade relativa, concibido hai trinta anos para unha actividade pesqueira con descartes. Por estes motivos, dende a Consellería avogan por establecer un plan específico para cada pesquería.