NOIA> O certame de pintura ó aire libre Juan José Fernández Leiceaga ‘Sesé’, xa na súa oitava edición, está a cobrar cada ano un maior porotagonismo. O alcalde, Rafael García Guerrero, e o pintor local, Alfonso Costa, un dos verdadeiros impulsores do concurso, foron os encargados de dar a coñecer as características do certame que se celebrará este próximo domingo 26 de abril, cambiando de data, para non saturar o amplo cartel de actividades deseñado para as festas de San Marcos. O concurso nesta oitava edición segue un esquema similar a anos anteriores, cunha ampla e suculenta lista de premios para os pintores participantes divididos en varias categorías. Como en anos anteriores o único requisito das obras, que poderán realizarse en calquera técnica, é a temática, que deberá versar sobre a vila noiesa. Unha vez expostos tódolos traballos o xurado, presidido polo pintor Alfonso Costa, decidirá os premiados. Os interesados en obter máis información poden achegarse á propia casa de cultura da localidade ou ben a través da web municipal.
Inicio Cultura