‘E se fose hoxe?’, a mostra coa que a Deputación homenaxea ás vítimas do Golpe do 36

PONTEVEDRA> A Deputación de Pontevedra homenaxea na súa última exposición aos represaliados tralo Golpe de Estado do ano 36. A través dunha ducia de fotografías, recórdase a diferentes persoeiros da provincia que sufriron os ataques dos golpistas. Escenas que aparecen recreadas por persoas actuais. ‘E se fose hoxe?’ é o nome da exposición e tamén a pregunta que fai e á que pretende responder.

‘E se fose hoxe?’ é a pregunta que a Deputación de Pontevedra se fai e ao mesmo tempo se contesta no seu último proxecto fotográfico relacionado coa Memoria Histórica.

Na exposición veremos ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, representando ao seu antecesor, Manuel García Filgueira, que tralo Golpe do 36 estivo trece anos agochado para escapar da represión. A presidenta da Deputación Carmela Silva representa ás persoas que morreron como consecuencia das penurias e do cárcere, como Maximiliano Pérez Prego, que fora presidente da administración provincial. Tamén aparece na mostra o deputado Luis Bará, que recorda o exilio de Osorio-Tafall.

O debuxante Kiko da Silva homenaxea a Castelao e refírese as penurias económicas que sufriu mentres que Cano Paz, propietario da Libraría Paz, recorda ao seu avó Ramiro Paz, ao que, tras asasinalo, lle incautaron os seus bens. A mestra Anxos Rial homenaxea a Ernestina Otero, mestra depurada, mentres que a deputada María Ortega recrea unha das represións contra as mulleres, como era a rapa do pelo. Os alcaldes do Morrazo interpretan aos seus antecesores do 36, todos fusilados. A mostra remata coa propia fotógrafa, Alba Díaz, homenaxeando ao vilagarcián Dámaso Carrasco, que fotografiou a prisión da Illa de San Simón.

A mostra inaugurarase o luns 5 de xuño ás 7 da tarde na Praza do Concello de Pontevedra e poderá verse ata o día 22. A Deputación publicará tamén un catálogo cos contidos da mostra e divulgará varias pezas audiovisuais por redes sociais.