Os mariñeiros demandan máis vixilancia nos portos ante a nova vaga de roubos

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/04abril/27/roubosembarcacionsribeira2704151.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/04abril/27/roubosembarcacionsribeira270415.mp4{/flowplayer} RIBEIRA> Nova vaga de roubos nos portos de Barbanza. Esta fin de semana, varias embarcacións atracadas en Ribeira recibiron a visita dos amigos do alleo que levaron consigo diverso material valorado en preto de seis mil euros. Os roubos nos portos barbanzáns non son algo novo e dende as confrarías levan tempo demandando un incremento da vixilancia para disuadir ós ladróns que parecen campar ás súas anchas polas instalacións portuarias. Desta volta, accederon a varias embarcacións atracadas nos pantaláns de Ribeira, de onde subtraeron material de navegación valorado en seis mil euros. Dende as confrarías consideran que o sistema de control por vídeo, aínda que necesario, é insuficiente polo que piden unha maior presenza policial e estudan a contratación de seguridade privada. Instan tamén a centrar os esforzos na distribución do material roubado para detectar onde se comercializan estas pezas. Segundo o patrón maior de Aguiño, estes aparellos teñen difícil saída no mercado nacional porque son pezas rexistradas en Capitanía co seu número de serie. Pola súa banda, os mariñeiros afectados séntense desprotexidos e demandan a Portos de Galicia que habilite os mecanismos para acabar cos roubos que non fan máis que mermar a xa de por si tocada economía das xentes que viven do mar.