Paideia apoia o talento dos músicos barbanzáns

    BOIRO> A Fundación Paideia desenvolverá na comarca unha serie de proxectos para a promoción do emprendemento musical. Boiro é un dos concellos que se sumarán a esta iniciativa co fin de poñer en valor os grupos de danza e música tradicional. Unha vez máis, a Fundación Paideia volve poñer de manifesto o éxito da colaboración entre iniciativa pública e privada para promocionar novos talentos en diversos eidos culturais. Desta volta, o programa desenvolvido pola fundación a través de Deloa ten por obxectivo axudar ós grupos emerxentes a facerse un oco no panorama musical. A primeira das actividades programadas será unha xornada informativa que terá lugar o próximo día oito en Padrón onde os asistentes poderán compartir experiencias sobre as vantaxes do emprendemento no mundo da música. Como complemento, desenvolveranse tamén varias audicións das que sairán tres grupos premiados coa gravación dunha maqueta. O concello de Boiro non podía máis que participar activamente nesta iniciativa xa que conta, entre as súas bandas locais, con catorce grupos tradicionais. Ademais dunha aposta pola conservación e posta en valor do patrimonio inmaterial que supón, a música tradicional ten tamén unha importante compoñente de dinamización económica e creación de emprego. Neste sentido, o alcalde destacou que o seu goberno ten incrementado en case un dez por cento os fondos destinados a Cultura, xa que se trata dunha inversión de futuro.