Los Chichos e Los del Río encabezan o cartel da III Feira de Abril

    NOIA> O acendido do alumeado previsto para o xoves ás once da noite marcará o inicio da Feira de Abril en Noia. Dende entón e ata o domingo, as casetas instaladas na alameda converteranse en pequenos tablaos que farán de Noia unha pequena réplica da feira sevillana. Non pode, por tanto, faltar a música da man de destacados grupos andaluces como Los Chichos ou Los del Río. A feira comezou a celebrarse hai tres anos, a iniciativa da concellería de Promoción Económica, dentro da programación das festas de San Marcos. A súa repercusión foi tal que nesta terceira edición optouse por darlle entidade propia celebrándose unha fin de semana despois, o que será máis positivo para a hostalería de vila que se implica de cheo na súa celebración. A pesar da boa acollida da feira, non só entre os hostaleiros, senón por parte dos veciños, o BNG amosou a súa disconformidade coa celebración dunha festa andaluza en lugar de promover a exaltación de tradicións galegas. Por esta razón, organizarán un acto alternativo o domingo a mediodía. Pola súa banda, Marisol Villar expresou o seu máximo respecto ás opinión discrepantes pero destacou os aspectos positivos que a feira está a ter na economía noiesa.