‘O Chicle’ mantén que a morte de Diana Quer foi un accidente e nega o rapto e a violación

SANTIAGO> Si matou a Diana Quer pero nin a raptou nin a violou. José Enrique Abuín, máis coñecido como O Chicle, declarou esta mañá na primeira xornada do xuízo pola morte da moza madrileña. Nas respostas ás diferentes partes, o autor confeso do crime deu a súa versión do que aconteceu o 22 de agosto de 2016: insiste en que a morte de Diana foi accidental.

Así relatou José Enrique Abuín o momento no que deu morte a Diana Quer. Segundo a súa versión, matouna na Pobra cando a confundiu cunha feirante que o descubrira roubando gasoil. Nega que lle falara antes e mesmo que lle quitara o teléfono móbil.

Segundo O Chicle, colleu o corpo de Diana en brazos e meteuno no asento traseiro do coche. Asegura que a idea era desfacerse do cadáver na ponte de Taragoña onde tirou o teléfono, pero a presenza de xente no peirao fixo que levara á moza ata a nave de Asados, en Rianxo. Alí agochouna no pozo onde estivo case 500 días ata que foi atopada.

Recoñeceu que matou á moza madrileña, pero negou o rapto e a violación. Insiste en que foi un accidente, polo que a súa defensa reclama unha pena de 2 anos e 6 meses de prisión.

Fiscalía e acusación particular comparten teoría. Aseguran que O Chicle raptou, violou e asasinou a Diana Quer, para despois ocultar o seu corpo.

Eles piden para José Enrique Abuín a pena de prisión permanente revisable.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí