A Deputación dá luz verde ao convenio de 700 mil euros para as confrarías da provincia

PONTEVEDRA> Dezaoito bolseiros da Deputación de Pontevedra comezarán a traballar o vindeiro luns para as confrarías da provincia. A xunta de goberno aprobou hoxe o convenio de colaboración asinado coa Federación Provincial de Confrarías de Pescadores, tal e como acordaran o pasado 13 de abril.

Segundo o documento, o organismo provincial destinará máis de 700 mil euros ás confrarías, cun reparto que decidirá a propia Federación. Da cantidade global, 200 mil euros destinaranse a sufragar o custo dos bolseiros, que traballarán durante un ano para os pósitos pontevedreses, entre eles os de Cambados, Carril, A Illa, Portonovo, Sanxenxo, Vilanova e O Grove. Cos restantes 500 mil euros, as confrarías financiarán diferentes gastos derivados da súa actividade. Segundo o acordado, a Deputación adiantará o 50% do investimento, e completará a cantidade cando se xustifiquen os traballos. A xunta de goberno tamén aprobou outro convenio, desta volta con concello de Cambados, que lle permitirá substituír a cuberta da piscina climatizada do municipio. A achega será de 600 mil euros.