Ana Pontón presenta o seu programa económico: ‘Podemos poñer en marcha unha Galiza que aproveite a súa riqueza e potencial’

PONTEVEDRA> A ciencia e un modelo enerxético ao servizo de Galicia son dúas das claves do programa económico co que o BNG se presenta ás eleccións autonómicas do vindeiro 18 de febreiro. A súa candidata á presidencia da Xunta estivo esta mañá en Pontevedra para trasladar as ideas da formación a representantes do sector empresarial. Ana Pontón márcase, entre outros obxectivos, aumentar o peso da industria no PIB, revitalizar o medio rural e o sector do mar e modernizar as infraestruturas para situar a Galicia entre os territorios máis avanzados.

Nun salón ateigado de representantes do empresariado pontevedrés, a candidata do BNG á presidencia da Xunta presentou as liñas mestras do seu programa económico.

O BNG aposta por traballar para xerar confianza en Galicia cun proxecto de país. Tamén por conseguir máis recursos financeiros, coa creación dun departamento para a captación de investimentos, mobilizar o aforro a favor dos sectores produtivos, transformando o Igape nun instituto galego de crédito, ou avanzar no autogoberno.

Pontón tamén incluíu na súa estratexia unha reforma a fondo da administración, estreitar a colaboración con Portugal, redeseñar o mapa educativo, revitalizar o medio rural e o sector do mar e buscar a reindustralización de Galicia, pechando ciclos produtivos.

A ciencia, cun gran pacto galego que destine o 3% do PIB a ciencia e ao I+D+i con iniciativa pública e privada, e un modelo enerxético ao servizo de Galicia son dúas das claves do plan económico dos nacionalistas.

A candidata adiantou que a transferencia da AP9 será a primeira demanda que faga ao goberno do Estado de chegar a presidir a Xunta de Galicia.