O concello de Pontevedra, decidido a recorrer a sentenza sobre ENCE ‘por todas as vías posibles’

PONTEVEDRA> O Tribunal Supremo legalizou a prórroga de ENCE baseándose nos informes ambientais favorables e no feito de que a súa concesión en Lourizán é anterior á Lei de Costas de 1988. Estes dous argumentos son os piares nos que o alto tribunal baseou a súa decisión anunciada o pasado 7 de febreiro, que permite á pasteira continuar na ría de Pontevedra ata o 2073.

Hoxe deuse a coñecer o contido íntegro da sentenza. Máis de 80 folios nos que a sala do contencioso administrativo asegura que as concesións sobre dominio público marítimo-terrestre que foran outorgadas antes da entrada en vigor da actual Lei de Costas teñen dereito a unha prórroga de 75 anos. Iso si, sempre que conten cun informe ambiental favorable do órgano competente. No caso de ENCE, conta co visto bo da Xunta de Galicia.

Este pronunciamento do Tribunal Supremo deixa sen efecto a sentenza da Audiencia Nacional, na que se declaraba a nulidade da prórroga concedida polo goberno de Mariano Rajoy a ENCE no ano 2016.

Cabe destacar que unha das maxistradas emitiu un voto particular. Cuestiona a prórroga e sinala o expediente sancionador da Unión Europea ao Goberno Español por conceder prórrogas irregulares a empresas instaladas no litoral. Advirte tamén do dano que producirá a actividade da pasteira na costa, que pode ser, asegura, irreversible.

Os argumentos nos que o Tribunal Supremo basea a sentenza coa que legaliza a prórroga de Ence non convencen ao concello de Pontevedra. Esta mañá o alcalde xa anunciou a súa intención de recorrer o pronunciamento por todas as vías posibles.

Farano amparándose no voto particular da maxistrada que se desmarcou para pronunciarse contra a prórroga.

Fernández Lores destacou que na súa resolución o Tribunal Supremo decide que non é necesario devolver o caso á Audiencia Nacional para que se analicen os outros argumentos defendidos polo concello e por Greenpeace que non se abordaron na sentenza.

Para o rexedor capitalino, a situación de ENCE na ría de Pontevedra é un ‘pelotazo’ e insistiu en que o concello seguirá loitando para recuperala.

Moi diferente é a interpretación que fan da sentenza dende a pasteira. Para ENCE, o Tribunal Supremo despexa a incerteza sobre o futuro da súa factoría en Lourizán. Consideran que este pronunciamento é firme e senta xurisprudencia, confirmando que a prórroga se axusta ao ordenamento xurídico. Ademais, celebran que esta sentenza lle achega a seguridade necesaria para acometer os seus plans de futuro na fábrica e no resto do grupo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí