A marea vermella deixa os mercados sen mexillón e apenas ameixa

    BARBANZA> A marea vermella mantén pechados tódolos polígonos bateeiros de Galicia e varias zonas de extración de bivalvo. As consecuencias nótanse dende hai días nos mercados coa ausencia total do molusco e cos prezos da ameixa disparados. Semanas despois do inicio do episodio tóxico, o desabastecemento comeza a notarse nos mercados onde, dende hai días, é imposible atopar mexillón. Outras especies como a ameixa comezan tamén a escasear. Aínda que hai zonas abertas, como A Pobra, o peche das concesións en Ribeira ou a ría muradá incidiu nunha menor presenza de marisco. Como contrapartida, a escaseza fixo incrementar a demanda e, polo tanto, os prezos. Entre os compradores hai de todo e mentres hai quen comeza a botar de menos o mexillón, outros decántanse polo peixe que abonda e a bo prezo. Pola súa banda, os praceiros non teñen máis remedio que agardar a que remita o episodio tóxico para recuperarse desta nova marea vermella que tanto afecta á economía de vendedores e, sobre todo, dos produtores.