Medio Rural dá por estabilizado o incendio de Ribasieira

O PORTO DO SON> O lume orixinábase a pasada tarde na parroquia sonense de Ribasieira. As altas temperaturas rexistradas durante a xornada sumada á seca xeneralizada deste verán axudou á rápida propagación das lapas.

Á espera dunha estimación oficial por parte da consellería de Medio Rural sobre o terreo, que se efectuará unha vez extinguido definitivamente o incendio, fálase xa de máis de 45 hectáreas calcinadas, na súa maioría de monte baixo.

Durante toda a tarde onte na zona traballaron un amplo número de efectivos contraincendios, tanto aéreos coma terrestres.

A finalidade durante toda a intervención era conseguir que as lapas non se achegaran a ningún núcleo de poboación, algo que se conseguiu finalmente.

Nesta ocasión non hai que falar dunha orixe intencionada do lume.

Durante os traballos de extinción producíase tamén un accidente no que se veu implicado un camión motobomba pertencente á brigada municipal de Noia, que se precipitou dun xeito aparatoso por un barranco. O condutor e único ocupante do vehículo sufriu feridas leves, e tivo que ser trasladado ó hospital da Barbanza.

Durante toda a xornada de hoxe, na zona continúan traballando numerosos medios de retén, arrefriando o terreo queimado para evitar que as lapas volvan a reavivarse e poida estenderse o lume.