A mocidade de Ribeira disporá dunha ampla oferta formativa na Casa da Xuventude

RIBEIRA> Ribeira reforza a súa oferta formativa para a xente moza cun programa flexible de cursos que favorecen a adquisición de coñecementos. Impartiranse na casa da Xuventude en diferentes modalidades e formatos.

A concellería de Xuventude de Ribeira realiza unha forte aposta pola formación da mocidade cunha serie de actividades e cursos que favorecen a aprendizaxe en campos do máis variado e a través de diferentes formatos, dende pílulas formativas e obradoiros prácticos ata propostas en liña.

Na modalidade presencial a primeira proposta será o curso de DJ, programado en base ás demandas que a propia mocidade ten trasladado. Impartiranse durante cinco sesións presenciais nas que os asistentes poderán iniciarse nas técnicas básicas e familiarizarse cos distintos materiais.

Os interesados xa poden reservar a súa praza na Casa da Xuventude. Ó igual que tódalas actividades formativas que programa o departamento, a inscrición é de balde ata completar as prazas.