BOIRO> Entre outros aspectos, a formación demanda a contratación dun capataz de obras por promoción interna e non a dedo, así como a cobertura das vacantes por xubilación.
Para Boiro Novo uns dos aspectos máis graves dáse na praza de capataz de obras e servizos que, segundo eles debería estar ocupada, por persoal funcionario ou laboral que concorra a un proceso de promoción interna. Critican así o feito de que actualmente desempeñe este cargo un ex concelleiro do PP da Pobra.
Outras alegacións presentadas refírense á contratación de persoal para cubrir as vacantes por xubilación, prazas que non aparecen contempladas na RPT. Si aparece, pola contra, unha praza de nova creación, a de técnico de contratación, en lugar de cubrir as vacantes noutros departamentos. Suprímese, por outra banda, un técnico no departamento de Deportes, posto de traballo que foi necesario durante os últimos vinte anos.
Por último, consideran que esta RPT foi aprobada segundo eles sen consenso, ás présas e sen informar nin ó persoal nin á oposición, non supón unha revisión completa das categorías profesionais nin unha estrutura organizativa que clarifique as competencias de cada posto.