Pontevedra prepárase para recibir un novo premio en Nova York

PONTEVEDRA> En torno ás seis da tarde en Nova York, dúas da madrugada hora española, Pontevedra recibirá un novo recoñecemento ó seu modelo de cidade. Será o outorgado pola axencia do ex alcalde da cidade estadounidense, Michael Bloomberg, o Centro de Deseño Activo. Onte, como previo á cerimonia, Miguel Anxo Fernández Lores celebraba con pontevedreses residentes en Nova York a consecución deste premio. Máis dunha ducia de pontevedreses residentes en Nova York compartiron onte co alcalde, Miguel Anxo Fernández, e o resto da delegación desprazada a Estados Unidos, unha cea no restaurante Molyvos para celebrar o novo recoñecemento concedido ó modelo urbano da cidade do Lérez. Entre os asistentes, empresarios, arquitectos, estudantes, xornalistas ou o presidente da Casa de Galicia en Nova York, Marcos Roel. O premio que esta tarde recolle Pontevedra en Nova York, sobre as dúas da madrugada hora española, foi concedido polo Centro para o Deseño Activo, unha axencia creada polo ex alcalde da cidade estadounidense, Michael Bloomberg, para buscar modelos urbanos compatibles con hábitos de vida saudables. Pero o premio e a cea con pontevedreses non son os únicos actos da axenda pontevedresa en Estados Unidos. Antes da cerimonia de entrega dos galardóns estaba previsto que o enxeñeiro municipal Jesús Gómez impartira unha conferencia sobre o modelo de cidade na Academia de Medicina de Nova York, e mañá, o alcalde reunirase coa directora de Bloomberg Associates, Linda Gibbs.