Os tres Reis Magos chegan á provincia de Pontevedra

PONTEVEDRA> As súas Maxestades de Oriente xa están en Pontevedra. Esta mañá os Reis Magos quixeron achegarse ata a cidade do Lérez para coñecer de primeira man como de bos foron os nenos da capital e así saber que agasallo deixarlles. Durante toda a mañá puidéronse ver longas colas de familias ao completo que agardaban para ver a Melchor, Gaspar e Baltasar.

 

Impacientes por recibir as súas Maxestades, os tres Reis Magos, os nenos e nenas de Pontevedra esperaban ás portas do Pazo de Mugartegui á comitiva real que chegaba puntual á súa cita coa cidade do Lérez. Pequenos e maiores emocionados que tiñan moi claro cal dos Reis é o seu favorito.

Os primeiros en ver a Melchor, Gaspar e Baltasar foron os pequenos da Asociación de Nenos e Nenas con diabete que aproveitaron para coller algúns dos caramelos sen azucre que se repartirán na cabalgata. Pouco a pouco todos puideron pasar a coñecer aos Reis e é que durante toda a mañá longas colas de pais e fillos se reproducían nas rúas próximas ao Pazo de Mugartegui.

Nin o alcalde de Pontevedra se quixo perder esta ocasión para facerlles chegar o seu desexo.

Para esta noite, toca deitarse cedo e quedar ben durmidos, aínda que sempre se pode agasallar as súas Maxestades con algún doce que de seguro axudarán a recibir un bo regalo.

Enviada xa a carta cos seus  maiores desexos calquera escusa é boa para lembrarlle a Melchor, Gaspar e Baltasar que esperaban encontrar os pontevedreses baixo a árbore de Nadal mañá pola mañá.

O que está claro é que para evitar o carbón hai que portarse ben.