Tres adegas da IXP Ribeiras do Morrazo participarán na Festa dos Viños de Marín

MARÍN> Este venres 10 de xullo arranca en Marín a Festa dos Viños da Indicación Xeográfica Protexida Ribeiras do Morrazo. Tres adegas achegarán aos marinenses as súas elaboracións dende as casetas instaladas na Alameda. A quinta edición da cita volve coincidir co comezo das Festas da Virxe do Carme.

Do venres 10 ao domingo 12, os viños da Indicación Xeográfica Protexida Ribeiras do Morrazo estarán de celebración. A Alameda de Marín acolle a quinta edición da súa festa.

A cita volve ser parte do tiro de saída das Festas do Carme. Este ano participarán tres adegas: Adega de Ardán, de Marín, Os Areeiros de Vilaboa e Reboraina, de Redondela. Todas elas pertencentes á asociación desta IXP.

A oferta vitivinícola estará acompañada de propostas gastronómicas. Na Alameda instalarase tamén un stand para ofrecer tapas de polbo en distintas elaboracións.

A feira estará aberta o venres de 8 da tarde a 12 da noite e o sábado e domingo de 12 a 3 do mediodía e de 8 a 12 da noite.