Gonzalo Durán: ‘Existe un cinto para protexer a ría, pero hai que melloralo’

    SALNÉS> Formación e emprego, apoio á exportación empresarial, turismo e saneamento son as liñas que resumen o feito pola Mancomunidade do Salnés nos últimos catro anos. Hoxe tocou balance da lexislatura con retos xa en carteira para a próxima. O presidente Gonzalo Durán nada avanza sobre se seguiría ou non no cargo, pero si ten claro que mellorar a rede de depuradoras e mancomunar a recollida de lixo serán tarefas que marcarán o vindeiro ciclo. O cuarto programa de formación ‘Emprega Salnés’ aprobado e o sétimo de hostalaría, a consecución dos terreos para a ampliación do Hospital do Salnés, un acordo con FECA para apoiar ás empresas da comarca e axudalas a exportar, ampliación da maquinaria para servizos básicos como bacheado ou limpeza de cunetas, captación de turistas internacionais… Son algúns dos traballos que se realizaron durante a lexislatura que remata na Mancomunidade do Salnés. Lexislatura que Gonzalo Durán tomaba sucedendo ó falecido Jorge Domíguez na que tamén quedaron contas pendentes. Unha delas, potenciar o saneamento. Segundo o presidente, o Salnés conta cunha rede de depuradoras ‘moi completa’, pero é preciso mellorar a capacidade de bombeo. Outra xestión en mente e que queda pendente para a seguinte lexislatura será impulsar a recollida de lixo mancomunado. Segundo Durán, os nove concellos do ente pretenden implicar ás empresas que recollen o lixo para que aposten pola reciclaxe. E a vía que barallan: a imposición dun canon ou penalización por quilos de refugallo que trasladen a Sogama. Todos proxectos de futuro dos que Gonzalo Durán fala tendo presente en que a súa presidencia na Mancomunidade remata. O que si deixa encamiñado, e se realizará nos próximos meses, será a adecuación do cadro eléctrico da EDAR da Mancomunidade para poder incorporar un grupo electróxeno que a manteña funcionando no caso de que haxa unha caída do subministro eléctrico. E é que na actualidade, o ente comarcal suministra 6.000 millóns de litros de auga ó ano, sen que houbera ningún corte nos últimos doce anos. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/05maio/08/BALANCE_MANCOMUNIDADE.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/05maio/08/BALANCE_MANCOMUNIDADE.mp4{/flowplayer}