Poio conversa con Xerardo Moscoso

POIO> Xerardo Moscoso falará o xoves no Casal de Ferreirós da súa traxectoria na música, o cine e o teatro ó servizo dunha ideoloxía política que defendeu dende ben mozo tanto no seu México natal coma en Galicia, berce da súa familia e a segunda identidade á que non quixo renunciar.

Esta mañá Xerardo Moscoso foi recibido no concello de Poio polo alcalde, que destacou a importancia do galego-mexicano para a formación da súa ideoloxía política, nos tempos nos que coincidiron no Teleclube.

Tamén en Poio iniciou a súa traxectoria no mundo do teatro, coa creación do grupo “Santa Compaña”.

Xerardo Moscoso adiantou en rolda de prensa o que será a conversa que terá lugar no Casal de Ferreirós o xoves, 13 de decembro ás oito da tarde. Falou hoxe e falará entón da súa significación e loita política e social, que o levou ó exilio en Suíza no 73, de Canción Galega e das súas andainas deste e do outro lado do océano.

O cantautor, fundador de Voces Ceibes, falou da súa traxectoria dentro das artes e salientou que sempre foron para el unha ferramenta ideolóxica.

Nado en México, pero cunha forte vinculación familiar e persoal con Galicia, onde estudou medicina, non quixo renunciar a ningunha das identidades. En México foi médico de rodaxe, participando en máis de 100 filmes, o que lle devolveu a vinculación ó país de orixe. De volta ó teatro, coma director, fundou a compañía La Gaviota coa que representou no 2007 “Antoloxía Rota” sobre textos de León Felipe, nunha das súas últimas visitas a Galicia.