O GAC 4 exporta o modelo de xestión pesqueira da ría muradá

    PORTO DO SON> O Grupo de Acción Costeira Número 4 segue a traspasar fronteiras. Tras recibir xa visitas de grupos procedentes doutas comunidades, unha delegación italiana participa estes días nun intercambio de experiencias para coñecer o modelo de produción das confrarías da comarca. A pesca galega é un modelo a seguir para outros países europeos que toman os sistemas de produción do noso mar como referente. Este é precisamente o obxectivo da visita dunha delegación italiana, enmarcada no programa de actividades do Grupo de Acción Costeira 4, que visitaron a comarca atraídos polo proxecto Mar Galaica. A primeira parada tivo lugar na confraría de Portosín onde coñeceron máis de preto a descarga de peixe e a posterior subhasta tomando boa nota dos sistemas informáticos con que contan as lonxas galegas. Ademais de interesarse polo sistema produtivo, os integrantes da delegación procedente de Venecia, tiveron ocasión de somerxerse no turismo mariñeiro que promove o Grupo de Acción Costeira Seo de Fisterra – Muros Noia. Unha proposta interesante que permite poñer en valor o patrimonio cultutral marítimo converténdoo nun importante factor de atracción turística para as zonas costeira. Este non é o primeiro intercambio de experiencias que promove o GAC 4 que xa recibiu a visita dun grupo de Menorca e outro do País Vasco. Ademais de compartir os nosos modelos, o GAC busca tamén inspirarse noutros sistemas de traballo polo que xa están a deseñar unha visita de produtores galegos á Bretaña Francesa.