PP e NOIA presentarán este venres a moción de censura

    NOIA> Todo atado para a presentación da moción de censura contra o alcalde socialista de Noia, Miguel Paz. Á espera de concretar os últimos detalles na xuntanza que manterán esta noite os representantes do PP e do NOIA, todo apunta a que será mañá a data na que se presente a iniciativa no concello. De cumprirse este prazo, o pleno para o seu debate tería lugar o día 17 de febreiro. Xa é oficial. O goberno socialista de Noia ten os días contados. Á espera da última xuntanza que terá lugar esta mesma noite, PP e NOIA xa confirmaron a presentación dunha moción de censura para afastar da alcaldía a Miguel Paz. Tras meses de xuntanzas, a executiva do NOIA accedeu finalmente á proposta do PP de rachar cos socialistas e apoiar un goberno encabezado polo popular Santiago Freire. O inmobilismo do actual goberno, que nin sequera foi quen de executar as obras xa presupostadas nin iniciar a elaboración dos orzamentos, levounos a decantarse por un cambio que consideran necesario polo ben do concello. Máis aló de discrepancias persoais, o motivo que levou ós independentes a rachar cos seus ata o de agora socios de goberno foi a ingobernabilidade do concello que levaba meses en situación de bloqueo administrativo. Tras achegar posturas para chegar a un acordo programático, está previsto que PP e NOIA rexistren a moción de censura este venres ou, como moi tarde o sábado. Segundo os prazos legais establecidos, o dezasete de febreiro desenvolveríase o pleno no que previsiblemente Santiago Freire sairá investido como alcalde de Noia.