Remata a folga da recollida do lixo en Poio

    lixo_poio_100.jpgPOIO > Rematou a folga dos traballadores da recollida do lixo en Poio. Os operarios deste servizo chegaron a un acordo esta mañá coa empresa concesionaria do …

    … servizo no concello, Cespa, grazas á mediación do servizo galego de arbitraxe. Os traballadores conseguiron acadar a súa principal reivindicación neste paro.

    Foi unha reunión tensa e longa a que tiveron esta mañá en Santiago. 4 horas dunha negociación que estivo a punto de romperse nalgunhas ocasións polas opinións enfrontadas da compañía cos empregados, e na que a mediación do servizo galego de arbitraxe foi clave para que a empresa cedese ás peticións destes. Os traballadores terán como pedían un aumento dos soldos máis baixos, que eran de 600 euros, ós 950. Ademais ata o 2011, os salarios irán aumentando progresivamente ata acadar os 1.200 euros. Anualmente, serán 16.600 euros, fronte os 14.300 ós que estaba disposta a incrementarlles Cespa.

    Coma resultado do acordo, esta tarde os camións do lixo xa comezaron a retirar as decenas de toneladas de residuos que se acumularon en Poio dende que o sábado se iniciase a folga. Os operarios calculan que ata mañá á noite, non darán limpado por completo todo o lixo que hai agora nas rúas. Hoxe comezaron por Raxó e Combarro, os dous lugares máis afectados polo paro, e onde ademais neste último comezou hoxe a Festa do Mar. Os cheiros e o mal estado de salubridade do casco histórico fixo temer ós hostaleiros é o propio concello polo bo ritmo da festa.

    O concello de Poio chegara a preparar un espazo especial para colocar o lixo que se xerase durante a festa, por se a folga aínda continuaba trala reunión de hoxe, e tamén lle solicitara á Xunta que, de prologarse, se realizasen os servizos mínimos na vila. Unhas medidas que agora xa non será precisas pois a normalidade na recollida do lixo volve dende hoxe á localidade.

    Redacción Salnés