As obras de consolidación dos castros de Baroña evidencian a importancia do xacemento

    PORTODOSON> Os traballos que se están a realizar actualmente permitiron descubrir a que é a súa muralla orixinal. O xacemento arqueolóxico do Castro de Baroña constitúe a principal seña de identidade do municipio sonense, tanto a nivel turístico como cultural. Dende hai varios meses estanse a realizar nel diversos traballos de acondicionamento e consolidación que están a descubrir importantes novidades respecto á súa estrutura primitiva. Un deses achados é precisamente a súa muralla orixinal, un feito que lle dará un novo enfoque ó castro, cambiando a visión que tíñamos del ata o de agora. Os traballos de recuperación e posta en valor do castro, cun investimento de preto de 72 mil euros, están a ser financiados pola consellería de Cultura, a través tamén de fondos europeos FEDER. Estes traballos abranguen o acondicionamento e consolidación das estruturas da muralla e do recinto principal, no seu sector norte, co fin de evitar posibles derrubes e previr eventuais danos estruturais ou persoais no futuro. Dáse a circunstancia de que este enclave da cultura castrexa foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC) coa categoría de zona arqueolóxica no ano 2011 e é un dos xacementos máis visitados de Galicia.