A Xunta sufragará diversas melloras no polígono de Espiñeira

BOIRO> A Xunta de Galicia, a través da consellería de Economía, Empresa e Innovación, investirá uns 183 mil euros en diversas melloras a realizar no polígono de Espiñeira. Así o anunciou o titular deste departamento, Francisco Conde, durante unha visita realizada esta mañá ó parque empresarial boirense.

O conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou esta mañá o parque empresarial de Espiñeira, un dos 51 polígonos en toda Galicia que resultaron beneficiarios das axudas postas en marcha pola Xunta para impulsar proxectos de acondicionamento e mellora de equipamentos.

En concreto, o parque de Espiñeira obtivo dúas axudas, cuxo importe supera os 183 mil euros, que permitirán a mellora da pavimentación, da sinalética e das beirarrúas, así como tamén a instalación de colectores de lixo.

Durante a visita o Conselleiro mantivo un pequeno encontro co alcalde, José Ramón Romero, e tamén con representantes da asociación de empresarios do polígono, que serviu tamén para recoller algunhas das principais demandas aínda pendentes no parque empresarial como é o caso do seu peche perimetral ou mesmo a mellora da seguridade.

As actuacións a realizar neste polígono forman parte da vontade do Goberno Galego de dar pulo ós parques empresariais, facilitando que empresas e emprendedores dispoñan dunha oferta competitiva de parques e polígonos onde instalarse para dinamizar así a actividade económica, crear emprego, e impulsar a recuperación económica.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí