Os exdirectivos do pósito de Cabo lucráronse presuntamente de axudas públicas

    BOIRO> A Garda Civil presentará nos próximos días ante o xulgado o informe policial da Operación Vipe. Os axentes sospeitan de que o importe defraudado polos ex dirixentes da confraría de Cabo de Cruz dende o ano 2012 podería ascender a un millón de euros. Unha vez levantado o segredo de sumario da Operación Vipe, comezan a coñecerse os principais datos da investigación. A Garda Civil fixa nun millón de euros a contía presuntamente defraudada polos ex dirixentes da confraría de Cabo de Cruz no período comprendido entre 2012 e mediados de 2014 cando foron relevados á fronte do pósito. Os axentes da Garda Civil da Coruña e do Seprona, que desenvolven conxuntamente a investigación, sospeitan que os implicados lucráronse ilícitamente cos fondos recibidos de, alomenos, oito subvencións públicas. Estas pesquisas céntranse nun intervalo de apenas dous anos polo que os axentes non descartan que o fraude no cobro das axudas puidera ter sido maior ó longo das dúas décadas en que dirixiron a organización. Á espera de que a Garda Civil presente o seu informe ante o Xulgado, no que tamén se incluirá o contido das chamadas telefónicas intervenidas ós imputados, a defensa dos acusados xa solicitou a nulidade das actuacións alegando que non recibiu notificación algunha dos rexistros desenvolvidos tanto nas dependencias do pósito como nos domiciolos dos detidos.