A Deputación da Coruña entrega en Ribeira os premios PEL 2024

RIBEIRA> A Deputación da Coruña celebrou onte pola noite no novo auditorio de Ribeira a sexta edición dos premios PEL. Uns galardóns cos que a institución provincial recoñece cada ano ás mellores empresas, asociacións e clústeres empresariais da provincia. Nesta edición foron distinguidas Tempo Social Training, Pilgrim Travel, Insertega e Bico de Xeado. Tamén se tivo un recoñecemento co xornalista económico Julio Pérez.

O auditorio municipal de Ribeira vestiuse de gala para acoller a entrega dos premios PEL da Deputación da Coruña. Ó acto asistiu unha ampla representación da vida política e empresarial, non só da comarca do Barbanza, senón de toda a provincia. Ademais do presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e varios deputados provinciais, contou coa presenza tamén de varios alcaldes, entre eles o anfitrión, o de Ribeira, encargado de dar a benvida ó acto.

Este ano ós Premios PEL presentáronse un total de 92 candidaturas. Récord de participación de tódalas edicións celebradas ata o de agora. Un feito que destacou tamén o presidente provincial na súa intervención, xa que segundo el, mostra o enorme potencial que ten a provincia coma motor económico de Galicia.

Na gala entregáronse un total  de catro premios correspondentes a outras tantas categorías, cunha dotación económica duns 18 mil euros cada unha. Na categoría de Mellor iniciativa empresarial nova distinguiuse a Tempo Social Training Club que aposta pola integración e dinamización da poboación rural a través da creación de comunidade e o fomento de hábitos de vida saudables.

Na categoría de Mellor iniciativa empresarial consolidada premiouse á axencia de viaxes especializada no camiño de Santiago  Pilgrim Travel SL  Na de Mellor iniciativa verde o galardón foi para Insertega, pola súa labor a prol do medio ambiente e a integración social e na categoría de Mellor iniciativa transformadora do rural o premio recaeu na firma Bico de Xeado. No acto tamén se recoñeceu xornalista Julio Pérez Domínguez coma mellor comunicador en materia de Economía e Empresa.